"Que inchadiña branca vela" por Anxo Angueira





Para os que se criaron ollando o encher e devalar do Ulla era un soño. Era un soño para os que viron
os derradeiros mecos, dornas e galeóns subiren e baixaren coas mareas. Para os de Padrón e para os de Cesures, para os de Laíño e os de Lestrobe, para todos era un soño. O proxecto xurdiu e levouse a cabo dentro das celebracións do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, en 2013. A Fundación Rosalía de Castro propúxolle á Escola de Navegación Tradicional (ENT) Dorna da Illa da Arousa renderlle homenaxe a Rosalía de Castro desde o mar, desde a súa cultura e a súa xente. O punto de partida eran uns versos do libro que se conmemoraba e nos que a escritora describía os encantos da súa Terra de Iria (“Como chove miudiño”) e en concreto unha escena náutica no Ulla, na denominada Ría de Padrón, no mar que din os vellos: “Que inchadiña branca vela / antre os millos corre soa, / misteriosa pura estrela! / Dille o vento en torno dela: / «Palomiña, voa!, voa!». Esa “palomiña” (bolboreta) á que lle fai “arrolo a branda ría”, esa vela branca, misteriosa estrela que navega co casco invisíbel entre o millo, era sen dúbida unha dorna. O soño era, pois, navegar en dorna no mar de Iria, volver incha-las velas e chegar coa marea polo Ulla e polo Sar deica a estatua de Rosalía en Padrón. A ENT Dorna da Arousa, feita de homes e mulleres entregados á causa comunal do mar e da dorna cunha xenerosidade pouco vista, tamén se entregou á causa Rosalía, á causa “Que inchadiña branca vela” e acolleu a idea e mailo soño con entusiasmo. Deseñouse e perfilouse a navegación e preparáronse os detalles da loxística. Sairiamos da praia fluvial de Vilarello, en Cordeiro (Valga). Había que mover por terra máis dunha ducia de dornas. Aliñariámonos fronte a Rosalía amarrados a un cabo de banda a banda no Sar, izariamo-las velas ó son da Antiga Marcha do Reino de Galicia facéndoas flamexar en honra da nosa autora. Logo en terra, cos nosos remos ergueitos, delatores do mar que todos levamos dentro, cantariamos a coro o himno diante dela, feita pedra no Espolón padronés. Que marea viva do verán se axeita en día e hora para arribarmos? Que vento dan os semáforos das predicións? As fiestras do soño estaban xa para sempre abertas.



E o soño da “Que inchadiña branca vela” acabou realizándose. Velaquí están as fotografías de Eduardo Rivo para documentalo e certificalo. Eduardo traballa desde dentro, coma Manoel Antonio. Non fotografía coma espectador: fotografía como patrón e proel, olla de couse e de meo, desde a dorna, desde o mar. Entramos entón a bordo da súa Leica nunha paisaxe insólita, nun mar de río e selva e braña e dornas que nunca se vira. Este magnífico traballo non ten para min outra explicación: Eduardo fixo seu o soño, traballa desde dentro. A súa mirada ten as tatuaxes rosalianas da estrela: non pode ser máis feliz a branca vela entre o millo. A óptica somérxese nunha paixón de bolinas e encalmadas, en rumbos infinitos. A dorna, en vela ou remo ou desarmada, sempre co seu nome, é protagonista. O ollar de Eduardo retrata tanto as luces como as sombras das apuradas manobras mariñeiras. Retrata en escala de grises as dornas varadas entre o canaval, ávidas de soños, pero tamén as que lanzan un SOS porque varan sen marea, que se vai nun adeus momentáneo a Rosalía entre o escintilar das estrelas acuáticas. Detense Eduardo, porque os coñece, na profundidade de campo dos esforzos comunais das botaduras, pero tamén no regreso canso e no desacompasado vogar das dornas perdidas entre a néboa. Velaquí o pano das velas, o cánabo dos cabos, o pau dos remos e as escarvas... Pero tamén a pel dos rostros das persoas, espello de anos de mar, anos de dorna, séculos de soños. En todo, desde dentro, Eduardo Rivo retrata para nós as distintas texturas do esforzo, da beleza e mais desa especie de alegría pacífica que todos levamos dentro ó final da travesía. Velaquí, pois, o retrato dun soño feito por un proel quen tamén voga e driza, achica e mais fai banda. Eduardo Rivo, amigo, que un día tamén abriu a fiestra para ve-lo mar.


Anxo Angueira é patrón de dorna e presidente da Fundación Rosalía de Castro